Inicio Galicia A Cidade da Cultura ofrece un obradoiro de pandeireta, impartido por Xabier...

A Cidade da Cultura ofrece un obradoiro de pandeireta, impartido por Xabier Díaz dentro dos ?Magostos no Gaiás'

0
image_gallery.jpg

O taller dividirase en dúas quendas de 15 persoas cada unha, que se impartirá de balde o sábado 7 de novembro no Museo Centro Gaiás


A Cidade da Cultura de Galicia ofrecerá o sábado 7 de novembro un obradoiro de balde de pandeireta co prestixioso músico Xabier Díaz, dentro da programación de actividades dos Magostos no Gaiás 2020, que nesta edición celebraranse coas actuacións de Luar na lubre, Sumrrá e Milladoiro o 24 e 31 de outubro e o 14 de novembro, respectivamente.

Xabier Díaz, que acaba de ser galardoado xunto ás Adufeiras de Salitre co Premio Martín Códax da Música 2020 na categoría Tradicional, é un dos profesionais máis prestixiosos da música de raíz de Galicia, que destaca polo seu rigoroso e intenso traballo de investigación e recuperación. Esta tarefa recompilatoria e de revisitación parte, en moitos casos, de escoitar os cantos das mulleres do rural e darlles a súa pegada persoal, un labor do que é bo reflexo o seu último traballo As catedrais silenciadas.

No entanto, na programación dos Magostos no Gaiás 2020 coñeceremos a súa faciana de docente, xa que imparte clases de instrumentos de percusión tradicionais mesturadas cunha compoñente etnográfica. Deste xeito, ensina a relación da música galega coas doutros espazos, ao tempo que fai comprender aos e ás asistentes aos seus obradoiros aquilo que é propio e xenuíno da nosa cultura musical.

O obradoiro de pandeireta de Xabier Díaz celebrarase no Museo Centro Gaiás en dúas quendas de 15 persoas para cumprir rigorosamente coas medidas de seguridade sanitaria e distancia social marcadas pola situación actual da covid-19. Cada grupo recibirá unha formación de tres horas de técnicas de pandeireta que inclúe man, puño, riscados e repertorio tradicional co obxecto de que nesta clase se aprendan as técnicas básicas da pandeireta, así como que as persoas participantes poidan afondar un pouco máis no repertorio tradicional deste instrumento.

As inscricións para cada quenda —unha de mañá e outra de tarde na que se impartirá a mesma formación— están xa abertas na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia (www.cidadedacultura.gal).

Magostos no GaiásEsta actividade forma parte da programación dos Magostos no Gaiás deste ano que se celebran amenizados coa música de raíz de Luar na lubre, de jazz contemporáneo de Sumrrá e cos inconfundibles sons de folk de Milladoiro. Tres concertos en sábado que tiveron que ver reducidos a súa capacidade pola situación actual da covid-19 e cumprir así coas medidas de seguridade sanitarias esixidas polo estado epidemiolóxico.

No entanto, non faltarán nestes Magostos no Gaiás as castañas da Indicación Xeográfica Protexida de Galicia (IXPG), entidade colaboradora desta celebración na Cidade da Cultura. Mais este produto repartirase aos e ás asistentes ao final de cada actuación para que as degusten ou preparen na casa e cumprir, deste modo, coas medidas de seguridade sanitaria.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre