Inicio Galicia A Cidade da Cultura funda o 'Club das lerchiñas' con seis das...

A Cidade da Cultura funda o 'Club das lerchiñas' con seis das mellores contacontos para sesións en liña dirixidas ás familias

0

María Lado & Lucía Aldao, Bea Campos, Andrea Bayer, Paula Carballeira e Ledicia Costas son as contadoras deste divertido e virtual club de narración oral


A Xunta de Galicia, dentro da súa campaña de lecer e formación #aculturasegue, pon en marcha polas redes sociais e páxina web da Cidade da Cultura o Club das lerchiñas, sesións de contacontos en liña dirixidas ás familias e do que formarán parte seis das mellores contadoras de Galicia: María Lado & Lucía Aldao, Bea Campos, Andrea Bayer, Paula Carballeira e Ledicia Costas.

O Club das lerchiñas botará a andar o vindeiro 9 de maio e contará cunha emisión en liña todos ós sábados ata o 6 de xuño. Estas seis contadoras galegas achegaranlles ás familias a través de internet e desde os seus fogares historias sinxelas e amenas, baseadas na tradición oral e tamén contos da súa propia autoría.

Esta actividade forma parte da programación en Internet e polas redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia co obxecto de ofrecer contidos culturais e de lecer de calidade nesta época de obrigado confinamento pola crise do Covid-19. Neste caso en concreto, procúrase fornecer a programación familiar, á vez que espertar o interese da cativada pola lectura e pola narración oral.

Seis recoñecidas e premiadas contadorasPrecisamente, o Club das lerchiñas arranca coa sesión de María Lado & Lucía Aldao, dúas escritoras cunha ampla bagaxe en espectáculos baseados na narración oral e tamén para a cativada, que adaptan a contanconto a súa coñecida historia de Po e Xía. Seguiralle ao sábado seguinte, o 16 de maio, Bea Campos cunha versión do conto tradicional A princesa e o chícharo. A actriz, narradora e directora teatral ten no seu haber o Premio de Interpretación Marta Sieiro, forma parte da compañía Migallas Teatro e participa na cale de difusión de literatura infantil Kalandraka TV.

O sábado 23 de maio, Andrea Bayer estará acompañada polo monicreque Roque para facer chegar en liña desde a súa casa unha historia propia. Coñecida como contadora é tamén actriz, guionista e directora de teatro. Noemada aos Premios Max 2013, recibiu varios premios como o de Mellor espectáculo infantil na Feria Ciudad Rodrigo e o Barriga Verde 2014.

A seguinte sesión do Club das lerchiñas terá como protagonista o 30 de maio a Paula Carballeira e a súa historia Un conto con miga e codia. Membro de Berrobambán ten levado a cabo producións infantís tanto na súa compañía, como no Centro Dramático Galego.

Pechará o Club das lerchiñas o sábado 6 de xuño a escritora Ledicia Costas co seu conto Conexión macarrón. Premio Merlín e Premio Nacional de Literatura Infantil con Escarlatina, a cociñeira defunta é a única autora galega que posúe dous Premios Lazarillo, ademais de ter recibido recoñecementos, como o Premio Losada Diéguez de creación literaria ou o galardón do Mellor Libro Infantil e Xuvenil na Gala do Libro Galego por Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre