Inicio Galicia A Cidade da Cultura festexará os seus 'Magostos no Gaiás' coa música...

A Cidade da Cultura festexará os seus 'Magostos no Gaiás' coa música das formacións galegas Luar na Lubre, Sumrrá e Milladoiro

0
image_gallery.jpg

Os tres celebraranse os sábados 24 e 31 de outubro e 14 de novembro ás 20,00 horas no Museo Centro Gaiás


A Cidade da Cultura celebrará os sábados 24 e 31 de outubro e 14 de novembro os seus Magostos no Gaiás, amenizados cada un deles coa música de raíz de Luar na Lubre, de jazz contemporáneo de Sumrrá e cos inconfundibles sons de folk de Milladoiro.

Deste xeito, o Gaiás volve celebrar unha das tradicións culturais e gastronómicas de outono con máis arraigamento popular en Galicia e tamén na súa programación cultural e para os que se contará con formacións galegas, coas que se reflicte a calidade e a variedade de estilos da nosa escena musical.

Como en anos anteriores, non faltarán as castañas da Indicación Xeográfica Protexida de Galicia (IXPG), entidade colaboradora desta celebración no Gaiás. No entanto, repartiranse aos asistentes ao final de cada actuación para que as degusten ou preparen na casa e cumprir, deste modo, coas medidas de seguridade sanitaria da covid-19. Do mesmo xeito, a participación nos Magostos realizarase de acordo cos requirimentos hixiénico-sanitarios.

O Museo Centro Gaiás repite como escenario destes tres Magostos que comezarán ás 20 horas e cuxas entradas están á venda en formato individual ou dobre en www.ataquilla.com ou na páxina web da cidadedacultura.gal cun prezo de 5 € por persoa.

Luar na lubreA formación, nada na Coruña en 1986 coa vocación de dar a coñecer a música e a cultura tradicionais galegas, conta cun repertorio baseado fundamentalmente na música de raíz. Actualmente é unha das banda máis internacional de Galicia e ten actuado en distintos países como Canadá, Alemaña ou Arxentina. Aos Magostos no Gaiás traen o seu último traballo Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, un álbum que visualiza a pegada artística, cultural e natural do Camiño de Santiago a través das historias dos seus camiñantes.

SumrráTras dezanove anos xuntos, seis discos editados e centos de concertos, Sumrrá é unha referencia do jazz contemporáneo e, sen dúbida, un dos tríos máis interesantes da escena jazzística española. Dende os seus inicios no ano 2000, cativou á crítica e público cun jazz inclasificable, melódico e moi aberto, destacando a orixinalidade das súas composicións, o alto nivel dos seus músicos e a frescura dos seus directos.

MilladoiroO grupo galego de música folk celta máis valorado e recoñecido internacionalmente. Nado a finais da década de 1970 da unión da formación tradicional Faíscas do Xiabre cos músicos Antón Seoane e Rodrigo Romaní. A formación está considerada unha das máis importantes no eido da investigación de novas sonoridades para o folk galego. Entre os seus múltiples recoñecementos atópanse os premios da Crítica e da Música e as Medallas Castelao e de Galicia. Este concerto no Gaiás inclúese dentro da programación dos Fondos de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre