Inicio Galicia A Cidade da Cultura devolve as 300 pezas da exposición ?Galicia, un...

A Cidade da Cultura devolve as 300 pezas da exposición ?Galicia, un relato no mundo' a entidades prestadoras de oito países

0

A mostra tivo que pechar antes de tempo debido a crise sanitaria, pero pode seguir visitándose en liña a través da web cidadedacultura.gal


A Cidade da Cultura de Galicia está a desenvolver os traballos de desmontaxe e devolución das máis de 300 obras expostas na mostra Galicia, un relato no mundo. Todas elas retornan, nesta primeira quincena de xuño, ás súas entidades prestadoras, un total de 60 institucións e 21 coleccionistas de Galicia, o resto de España e outros sete países diferentes: Irlanda, Reino Unido, Italia, Portugal, Arxentina, Cuba e Uruguai.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou esta mañá os traballos de desmontaxe da Santa de Asorey, unha das pezas máis emblemáticas desta exposición, acompañado do director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo. A operativa comezou trala reapertura do Museo Centro Gaiás o pasado mes de maio e efectúase seguindo un programa deseñado polo departamento de Exposicións do Museo Centro Gaiás en colaboración con empresas especializadas no transporte de obras de arte. O obxectivo é que, malia as limitacións na mobilidade global marcadas pola covid-19, todas as obras retornen á maior brevidade ás súas entidades prestadoras, entre as que se atopan institucións do prestixio das universidades de Oxford e Cambridge, o Trinity College, o Museo do Prado ou o Museu Nacional de Arqueologia de Portugal.

Inaugurada no Museo Centro Gaiás en novembro de 2019, Galicia, un relato no mundo pechou oficialmente as súas portas o 12 de abril, pero non recibiu visitas desde o 13 de marzo, día no que a Xunta de Galicia declarou o peche dos museos e outras instalacións como medida de precaución fronte a pandemia. Desde entón, a Fundación Cidade da Cultura contactou con todas as entidades privadas e institucións prestadoras de obra para informarlles de que as medidas sanitarias decretadas obrigaban a aprazar as devolucións, e para agradecerlles a comprensión e confianza ante as excepcionais circunstancias marcadas pola crise sanitaria global.

Ata que os traballos puideron ser retomados, as obras permaneceron en sala, monitorizándose as condicións técnicas (temperatura, humidade…) e de seguridade para garantir a súa conservación nas mellores condicións. A Cidade da Cultura ampliou tamén o prazo do seguro ata o 30 de xuño, sen custe adicional. Visita virtual en liñaCoincidindo co peche da mostra, lanzouse ademais unha visita virtual á exposición, co obxectivo de achegar os seus contidos a todas as persoas que quedaron sen a posibilidade de descubrir Galicia, un relato no mundo ao vivo no Museo Centro Gaiás. A visita está accesible en liña en cidadedacultura.gal e permite navegar desde o ordenador ou dispositivos móbiles entre as pezas da exposición. Incorpora tamén contidos extra para enriquecer a experiencia, como vídeos con explicacións por parte do comisario, Manuel Gago, ou dos técnicos do Servizo de Mediación do Museo Gaiás.

Próximas exposicións Cos traballos de desmontaxe e devolución de obra dáse por rematada a primeira das tres grandes exposicións internacionais que o Goberno galego prevé na Cidade da Cultura no marco do Xacobeo 2021. A segunda, Galicia, de Nós a nós, inaugurarase en outubro e, comisariada polos profesores Afonso Vázquez Monxardín e Ana Acuña, xirará arredor da Xeración Nós, no ano da conmemoración do seu centenario.

A seguinte gran cita expositiva será As miradas de Isaac, a mostra máis ambiciosa realizada ata agora sobre a figura de Díaz Pardo, co comisariado dos seus fillos Camilo e Xosé Díaz. A curto prazo, a finais de xullo, o Museo abrirá tamén Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia, unha exposición dirixida aos amantes da gran pantalla e organizada pola Cinématèque Française e a Fundación “La Caixa” en colaboración coa Xunta e no marco do Xacobeo 2021.

A Cidade da Cultura acollerá ademais de aquí ao final do ano dúas intervencións nas Torres Hejduk: unha reivindicación dos montes de Galicia baixo o título Paisaxes incultas. Metamorfose do monte galego –da arquitecta compostelá Cristina García Fontán–, e un proxecto arredor do Camiño desenvolvido polo Colectivo Cantz, integrado por Marius Ionut e Felipe Romero, gañadores do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk no marco do Encontro de Artistas Novos.

Por último, e desde este mesmo mes de xuño, o Bosque de Galicia albergará o Banco do Peregrino, unha instalación realizada a partir da obra Constelacións II da artista Clara Montoya, situada nunha localización cunha ampla vista sobre a Santiago. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre