Inicio Galicia A Cidade da Cultura celebra o 8 de xuño a carreira 'Holi...

A Cidade da Cultura celebra o 8 de xuño a carreira 'Holi Gaiás', unha competición lúdica con música e cunha poeira de cores

0

A inscrición está aberta ata o 5 de xuño e a competición ten carácter familiar e festivo con música e con lanzamento de pos coloristas


A Cidade da Cultura celebrará o 8 de xuño unha das carreiras máis divertidas de Galicia, a Holi Gaiás, unha competición lúdica, de carácter familiar, amenizada con música e co lanzamento dunha poeira colorista. Trátase dunha actividade deportiva e saudable, pensada para pasar unha mañá de sábado en grupo, en contacto coa natureza e que lles permitirá aos e ás participantes coñecer as novas zonas verdes do complexo, a segunda fase do Bosque de Galicia e o novo Xardín do Teatro.

Patrocinada por Viaqua e coa colaboración da Fundación USC Deportiva, Federación Galega de Atletismo e Coca-Cola European Partners, a Holi Gaiás levará á Cidade da Cultura o seu espírito festeiro e nada competitivo, no que o importante non é gañar, senón celebrar as últimas semanas dunha estación como a primavera cunha explosión de música e de cores, inspirada no festival Holi da India.

Esta competición cumpre a súa terceira edición, tras o éxito das dúas anteriores, nas que se cubriron todas as prazas: 600, na primeira de 2017, que foron ampliadas a un milleiro na do ano 2018, tras o alto interese espertado. De igual xeito, a participación está aberta tamén á cativada, que contará cunha categoría específica.

En ambos casos, as persoas inscritas deberán percorrer, a partir das 12,00 horas, 5 quilómetros que inclúen o Bosque de Galicia -ampliado o pasado verán a 34 hectáreas- e o complexo arquitectónico, cun novo espazo exterior do Xardín do Teatro. Esta área verde conta con 11.574 metros cadrados, nos que están plantadas especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques e áreas de lecer para gozar de actividades como a Holi Gaiás, na que se adobía deporte e natureza.

Música e poeira de coresA pesar do carácter lúdico e non competitivo -no que as e os participantes veranse enchoupados nunha poeira de cores mentres corren animados pola música- as persoas máis espelidas da Holi Gaiás verán recoñecida a súa destreza. Así, os tres primeiros e primeiras de cada categoría recibirán a súa respectiva medalla.

As inscricións xa están abertas ata o 5 de xuño en Ataquilla.com, onde se pode mercar a entrada. Na web da Cidade da Cultura infórmase do percorrido e regulamento da carreira.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre