Inicio Galicia A Cátedra do Camiño de Santiago outorga o premio de investigación a...

A Cátedra do Camiño de Santiago outorga o premio de investigación a un traballo inédito sobre a peregrinación en Italia

0

Afonda nun dos capítulos menos coñecidos do itinerario cara ao santuario de San Miguel por vías secundarias con destacada presenza de capelas dedicadas ao Apóstolo


A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo coa Universidade de Santiago de Compostela e a Catedral, entregou hoxe no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino en Santiago de Compostela o seu premio de investigación á italiana Antonella Palumbo por un traballo inédito ao redor da peregrinación en ItaliaNo acto -que contou coa presenza do director-xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, do director da Cátedra, Domingo González Lopo, e do deán da Catedral, Segundo Pérez- fíxose entrega do galardón a esta investigadora, autora dunha obra que compara a peregrinación a Santiago de Compostela e ao santuario de San Miguel en Monte Gargano, no sur de Italia. Para outorgar este recoñecemento, valorouse a súa orixinalidade e a especial atención prestada a un dos capítulos menos coñecidos da peregrinación nas vías secundarias (os tratturi), onde era destacada a presenza de capelas dedicadas ao Apóstolo Santiago e ao Arcánxel.

Leer más:  Alfonso Rueda, sobre Audasa: "No es lógico ganar tanto y tener esas subidas de peajes tan grandes"

O premio outorgado pola cátedra suporá un impulso económico para que a autora poda continuar coa súa investigación e facilitaralle o acceso á documentación e bibliografía presente na biblioteca da cátedra, situada no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino en Santiago de Compostela. Antonella Palumbo recolle así o testemuño da profesora Rosana Bianco, da Universitá degli Studi de Bari, a premiada na primeira edición.

A este recoñecemento súmanse as bolsas que este ano, por vez primeira, outorgou esta cátedra. Trátase dun estudo ao redor da demarcación do Camiño Portugués, realizado polo investigador Carlos Manso e outro sobre os hospitais do Camiño de Santiago que permitirá facer un cartografado destas infraestruturas, a cargo de Estefanía López.

Divulgación da Ruta XacobeaEn todos os casos a cátedra valorou que se tratase de proxectos a través dos que se afonda na identidade histórica da Ruta Xacobea, aliñándose así cos obxectivos da Xunta de Galicia. Xunto estas iniciativas, durante este ano tamén se puxo en marcha a súa páxina web colaborouse cos Cursos Internacionais da Universidade de Santiago, organizouse o II Seminario Internacional: diversas visións do culto e a devoción xacobea en Europa e organizou xunto ao Grupo Compostela de Universidades o Congreso Internacional O ano do patrimonio cultural europeo e o Camiño de Santiago o pasado mes de outubro, entre outras.

Leer más:  El BNG denuncia que Altri puede ser "el tiro de gracia" para una Ría de Arousa "en continua caída productiva"

Esta cátedra é a iniciativa académica máis importante impulsada ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago. O seu obxectivo, enmárcase nunha das súas liñas estratéxicas, dedicada á investigación, comunicación e divulgación coa intención de promover e difundir o coñecemento no eido xacobeo, facilitando a reflexión e o debate cultural, impulsando a súa presenza no ámbito universitario. Para isto, xunto á convocatoria destes premios e bolsas, tamén leva a cabo durante todo o ano diferentes conferencias, cursos ou seminarios, así como publicacións dun fondo bibliográfico e documental.  


- Te recomendamos -