Inicio Galicia A biblioteca de Ourense recupera progresivamente a normalidade dos seus servizos presenciais,...

A biblioteca de Ourense recupera progresivamente a normalidade dos seus servizos presenciais, con cita previa, e vía online

0

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantivo unha reunión por videoconferencia para analizar a apertura progresiva do equipamento en varias fases e a reincorporación do seu persoal

As bibliotecas e museos xestionados pola Xunta de Galicia reiniciaron hai quince días a súa actividade presencial, coa apertura progresiva dos equipamentos en varias fases e a reincorporación do seu persoal. Esta semana afrontan a segunda fase e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, quixo coñecer de primeira man os servizos que a Biblioteca ofrece á cidadanía e analizar a apertura progresiva deste equipamento cultural e a reincorporación do seu persoal. Así, mantivo unha reunión por videoconferencia coa xefa territorial de Cultura e Turismo, Sandra Quintas, e coa directora da Biblioteca, Rosa Díaz.

Díaz Mouteira indicou que a reapertura estase a facer a través dun protocolo específico que establece pautas e medidas de protección e hixiene co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria para traballadores e usuarios.

Como novidade, a biblioteca de Ourense, na fase dúas, ofrece o préstamo interbibliotecario e así os usuarios poden solicitar para préstamo a domicilio un documento dalgunha das seis bibliotecas centrais territoriais, agás as novidades.

Ademais, nesta fase se manteñen os servizos ofrecidos durante o peche decretado pola crise da Covid-19 e outros ampliados coa reapertura da biblioteca. Así, ofrece o sistema GaliciaLe, a plataforma de préstamo electrónico, cuxo uso se disparou durante o confinamento, que permite acceder a máis de 4.500 títulos, entre libros, revistas ou audiovisuais. As persoas usuarias da biblioteca dispoñen de acceso ao catálogo na dirección: www.galiciale.gal.

Tamén se están a tramitar altas de usuarios e regularización de carnés, para dar acceso ao servizo de préstamo electrónico; ofrécese información cultural a través das redes sociais da biblioteca, co obxecto de paliar o impacto do peche e manter a presenza das bibliotecas e do mundo cultural na vida dos usuarios e tamén información bibliográfica e fotodocumentación, como a resposta a solicitudes de información principalmente de prensa antiga, por medios exclusivamente electrónicos. A devolución realízase exclusivamente mediante o buzón exterior da biblioteca. As obras devoltas deben gardar unha corentena nun lugar apartado durante 14 días.

Ademais, está activa a consulta de fondos non prestables cando non é posible facilitar o préstamo a domicilio do documento ou unha copia dixital do mesmo. O usuario solicita a consulta e concértase o día e hora para vir facer a consulta. E tamén, funciona o préstamo a domicilio de obras da biblioteca que será solicitado mediante un formulario dispoñible na páxina web da biblioteca: https://bibliotecas.xunta.gal/ourense/gl/solicitude-de-cita-para-recollida-de-prestamos ou nos teléfonos 988 78 83 85 / 988 78 83 86. A biblioteca ponse en contacto coa persoa solicitante, normalmente por teléfono, para concretar o día e hora no que pode acudir a recoller as obras solicitadas.

A delegada territorial agradeceu ao persoal da biblioteca ourensá o labor que realiza para que achegar aos cidadáns a cultura nesta época de crise sanitaria e confinamento.

Díaz Mouteira anunciou que na terceira e última fase está previsto que se poida acceder ás salas respectando as medidas de seguridade, mantendo prohibición de consulta directa polos usuarios. Os espazos comúns poderán empregarse ata un máximo da metade da súa capacidade respectando a distancia de seguridade e os usuarios poderán comezar a empregar os dispositivos electrónicos, ordenadores e medios informáticos do centro, que se limparán e desinfectarán tras cada uso.

A Biblioteca Pública de Ourense recomenda que os usuarios acudan a ela de xeito individual. Os menores de 14 anos poderán acceder cando estean acompañados dunha persoa adulta. As persoas permanecerán no centro o tempo indispensable para recoller o seu pedido ou formalizar os trámites permitidos nesta fase. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre