Inicio Galicia A biblioteca autonómica Miguel González Garcés da Coruña realizou nos nove primeiros...

A biblioteca autonómica Miguel González Garcés da Coruña realizou nos nove primeiros meses do ano máis de 143.000 préstamos

0

Ovidio Rodeiro participou na presentación neste centro do libro Elisa no Mundo das Maravillas, escrito e ilustrado polos usuarios da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañou esta mañá a un grupo de integrantes da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP) na presentación do conto Elisa no Mundo das Marabillas que tivo lugar na biblioteca pública da Coruña Miguel González Garcés. Esta publicación foi elaborada integramente polas persoas que conviven no centro residencial de APAMPO delegado aproveitou a ocasión para dar a coñecer os datos de balance dos tres primeiros trimestres deste ano, no que a biblioteca pública realizou máis de 143.000 préstamos de libros, revistas, cómics, discos, series televisivas e videoxogos. O centro conta co máis de 41.000 persoas usuarias inscritas como socias, das que a gran maioría viven na cidade, aproximadamente o 85%, mentres que o resto de usuarios son persoas que se achegan de concellos da área metropolitana.

Nese período, a biblioteca Miguel González Garcés rexistrou preto de 28.000 participantes nas 353 actividades organizadas por propia iniciativa, ás que hai que sumar outras 180 actividades non organizadas pola biblioteca, pero que se levaron a cabo nas súas instalacións.

Entre as actividades máis destacadas atópanse as sesións para formación de usuarios, os seis clubs de lectura que manteñen activos, as mostras, exposicións e guías de lectura, os cursos de alfabetización dixital e os obradoiros de linguas estranxeiras, impartidos por voluntarios culturais. Así mesmo, a biblioteca tivo unha participación destacada de dinamización e promoción na Feira do Libro da Coruña.

Os libros máis demandados e prestados do que levamos do ano son María quiere ser tu amiga de Laura Marshall; El tatuador de Auschwitz de Heather Morris ; Tonas de laranxa de María Lorenzo Miguéns, Manuel Lorenzo Baleirón ; Vivir sin permiso y otras historias del oeste de Manuel Rivas. Entre os autores dos cómics máis prestados para os adultos, figuran Miguel Anxo Prado, Brian Azzarello, Mingote e Mike Mignola. E na sección de películas e música, nesta biblioteca triunfa este ano La mujer que sabía leer, una película de Marine Francens Reschi, as series Fariña e La casa de papel e o curso de inglés definitivo de Richard Vaughan.

Os días con máis préstamo son os luns, os venres e os sábados, datas nas que as cifras aumentan ata un 27% máis respecto dos días con menos préstamos e, por meses, é entre novembro e maio cando a biblioteca ten máis préstamos, fronte a drástica diminución de ata a metade dos préstamos nos meses de verán.

A biblioteca abre ao público 30 horas semanais, de luns a venres pola mañá en xullo e agosto, mentres que abren 64 horas no resto do ano, con doce horas de apertura continua de luns a venres, máis catro horas os sábados pola mañá.

Ovidio Rodeiro felicitou ao persoal da biblioteca polo seu traballo e animouno a “seguir facendo o esforzo por abrir as portas da biblioteca, para que todo o coñecemento que atesoura chegue a cada recuncho da cidade e da súa área metropolitana”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre