Inicio Galicia A autorización da Xunta a Exlabesa para a ampliación das súas instalacións...

A autorización da Xunta a Exlabesa para a ampliación das súas instalacións permitirá á empresa crear 200 empregos

0

A compañía prevé investir, a curto e medio prazo, 32M€ no polígono industrial situado entre Padrón e Rois, o que impulsará a actividade económica da zona

O Consello da Xunta acordou hoxe a aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para a ampliación e mellora das instalacións que Exlabesa ten no polígono industrial situado entre os concellos de Padrón e Rois (A Coruña). Así, a empresa prevé aumentar e modernizar a súa superficie e xerar 200 postos de traballo, contribuíndo ao impulso da actividade económica e industrial da comarca.

Exlabesa investirá un total de 32M€ a curto e medio prazo neste proxecto de unificación, ampliación e modernización das súas instalacións que lle permitirá chegar aos 447.052 metros cadrados e incrementar a súa produción. As novas instalacións contan cun prazo de execución de tres anos, unha vez a empresa obteña a licenza de obra municipal.

Exlabesa inicia a súa actividade nesta comarca no ano 1994. Adícase principalmente ao extrusionado, lacado e anodizado de aluminio para a obtención de perfís de aluminio de diferentes formas e acabados cos que abastece a fabricantes de fiestras ou a construtoras, entre outros clientes. O grupo ten oito factorías en EEUU, Reino Unido, Alemaña, Polonia, Marrocos e España, está presente a nivel comercial en 40 países, e considérase un dos referente internacionais do sector. A produción anual en Galicia é de 53.000 toneladas, o que supón un 25% da produción nacional.

Deste xeito, a Xunta amosa o seu apoio e compromiso co desenvolvemento industrial da Comunidade e, en concreto, cun sector como o do aluminio que xera en Galicia máis de 3600 postos de traballo e conta cunha facturación anual que supera os 4900 millóns de euros. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre