Inicio Galicia A Aula Galicia Aberta da Secretaría Xeral da Emigración obtén preto de...

A Aula Galicia Aberta da Secretaría Xeral da Emigración obtén preto de 150.000 visualizacións nas súas dúas primeiras semanas de vida

0

O apartado específico creado na páxina web do departamento autonómico para acubillar esta iniciativa rexistrou máis de 30.000 visitas desde a súa posta en marcha

A Aula Galicia Aberta, a iniciativa posta en marcha o pasado 27 de abril pola Secretaría Xeral da Emigración para reforzar a formación de disciplinas tradicionais galegas para a colectividade galega no exterior, leva acumuladas 144.723 visualizacións desde o seu inicio. En apenas dúas semanas, tanto as oito sesións formativas que impartiron os mestres de canto e pandeireta (Leni Pérez), percusión (Alexandre Martínez Castro), gaita (Jhonathan Ferreira) e baile (José Antonio Viñas), como as titorías e vídeos promocionais destes docentes foron vistos por milleiros de galegos residentes en todo o mundo. Ás reproducións dos vídeos hai que engadirlle, ademais, ás visitas ao apartado da Aula Galicia Aberta creado na páxina web do departamento autonómico, que ten rexistrado máis de 30.000 visitas desde a sua creación.

A Arxentina, O Uruguai, Brasil, México, Suíza, Alemaña, Venezuela, Portugal, os Estados Unidos de América, Chile e o Reino Unido son os países de residencia da meirande parte dos espectadores destes primeiros seminarios, unicamente superados por España, onde destaca a resposta que están a ter entre os galegos de Madrid, Cataluña, o País Vasco, Castela e León e a Comunidade Valenciana, ademais de na propia comunidade autónoma.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, agradeceu os galegos de todo o mundo a boa acollida que está a ter esta iniciativa, que “sería imposible sen o amor que todos vós tedes e amosades a cotiá por esta terra vosa, pola súa cultura, os seus costumes e a súa tradición”. “Son os galegos, todos, tanto os que están na comunidade como os que residen en calquera recuncho do planeta, os que facedes a Aula Galicia Aberta, porque sodes vós os que estades cada día ao outro lado da retransmisión vivindo as clases en primeira persoa e asistindo como os alumnos reais que sodes”, engadiu.

Facebook, a plataforma preferidaFacebook segue a ser a plataforma preferida polos espectadores para asistir a estas clases, que se imparten de luns a xoves en horario de 20 a 22 horas a través de Facebook live, con máis de 132.000 reproducións, seguido do canle de GaliciaAberta en YouTube, onde tamén se colgan as sesións unha vez rematadas para poñelas a disposición de todas as persoas interesadas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (emigración.xunta.gal). Tamén o material didáctico aportado previamente polos docentes destes seminarios, que constan de dez sesións formativas, pode consultarse nesta dirección.

Este novo programa da Secretaría Xeral da Emigración complementa o dos obradoiros tradicionais, que permitían a centros galegos de todo o mundo contar coa presenza dun profesor, desprazado desde Galicia, de algunha das disciplinas incluídas na convocatoria que durante varias semanas reforzaba as actividades lectivas que levan a cabo nas súas sedes. A actual situación, tanto en España, que continúa en Estado de alarma, como noutros países, fai, sen embargo, inviable as actividades lectivas presenciais nos centros galegos de todo o mundo, polo que o departamento autonómico continúa a buscar medidas, como esta, que aminoren parte das consecuencias que esta pandemia está a deixar nos principais países con maior poboación galega.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre