Inicio Galicia A atleta olímpica Ana Peleteiro anima aos alumnos da Facultade de Ciencias...

A atleta olímpica Ana Peleteiro anima aos alumnos da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Coruña a incluír o peixe na súa dieta

0

A deportista de Ribeira participou nun dos actos da campaña ‘Vai de peixe’ no que ofreceu unha charla teórica sobre adestramentos, alimentación e motivación no deporte así como unha sesión práctica para os estudantes

O tráiler da campaña Vai de peixe continúa o seu percorrido por Galicia. Esta mañá, coincidindo coa súa parada na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, a atleta olímpica Ana Peleteiro ofreceu unha charla teórica sobre adestramentos, alimentación e motivación no deporte e unha sesión práctica aos estudantes.

A deportista galega explicoulles aos alumnos a súa traxectoria deportiva e os motivos polos que decidiu optar polo atletismo así como a importancia de incluír os produtos do mar na dieta para contar cunha alimentación saudable e estar ben fisicamente para poder acadar os seus obxectivos. Por iso, animou aos estudantes, que ateigaron o salón de actos da facultade, a introducir os peixes e mariscos na súa dieta e explicoulles que hai moitas receitas que son sinxelas de elaborar e que permiten ter unha alimentación variada.

Ana Peleteiro destacou a importancia de contar cun plan nutricional que inclúa distintos tipos de alimentos saudables e lembrou as posibilidades que ofrece Galicia, cun gran número de produtos do mar para escoller, algo que, lamentou, nalgunhas ocasións non atopa cando vai a competir a outros países, o que lle dificulta cumprir con ese plan nutricional.

Neste encontro cos alumnos da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Coruña a deportista de Ribeira tamén participou nunha demostración práctica na que deu consellos aos estudantes sobre como mellorar a súa técnica de salto ou que movementos realizar para obter mellores resultados.

A atleta é unha das prescritoras de Vai de peixe, a campaña impulsada pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar co obxectivo de cambiar os hábitos alimenticios da franxa de idade de entre 18 e 35 anos para que desfruten máis e mellor dos produtos do mar, esenciais nunha alimentación equilibrada e saudable.

Tras visitar a pasada semana os Campus de Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo, o camión realizará as seguintes paradas nos vindeiros días: 26/11

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre