Inicio Galicia A Asociación de Persoas Xordas de Vigo visita o Tinglado do Porto...

A Asociación de Persoas Xordas de Vigo visita o Tinglado do Porto no marco do programa 'Coñece o teu Nadal' da Xunta de Galicia

0

O balance do programa é inmellorable, con 56 visitas realizadas das que se beneficiaron preto de 2.700 persoas, con grande interese dos centros escolares


Os dous programas que a Xunta de Galicia ten en marcha nestes intres en Vigo volveron a darse a man este xoves no Tinglado do porto vigués. Así, no marco do “Coñece o Teu Nadal” un nutrido grupo da Asociación de Persoas Xordas de Vigo visitaron o Nadal Solidario, nunha xornada que coincidiu coa presenza da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Xunto á delegada territorial, Corina Porro, percorreron as instalacións e tiveron tempo de participar nas actividades programadas, como por exemplo o segundo showcooking ofrecido por Anfaco baixo o lema de “Cata La Lata”. Nesta ocasión o chef Carlos Fernando Colmenero preparou unha degustación de ventresca de atún en timbal de verduras e encurtidos con vinagreta de laranxa e cítricos; molineta de alcachofa e mexillóns en escabeche; e zamburiñas en salsa de vieira sobre crema de tubérculos trufados.

Xa á tarde regresaron ao escenario o festival de Panxoliñas “Vigo, Xacobeo do Nadal” e o grupo musical vigués Con la Venia.

En canto á programación de mañá, volven Os Bolechas ao Tinglado, tras facer parada no Hospital Álvaro Cunqueiro ao que se desprazaran para visitar aos nenos e nenas ingresados. Unha vez no Espazo Solidario, ao que chegaran ás 19.00 horas, a popular familia ideada por Pepe Carreiro realizará un percorrido por las instalacións da man de Corina Porro e adicarase a firmar autógrafos e posar xunto a quen se acheguen ata o Nadal Solidario da Xunta este venres.

E novamente, a Fundación Mayeusis será a encargada de pór o son nesta xornada a partir das 21.00 horas.

Coñece VigoTanto a delegada da Xunta como a directora Axencia de Turismo de Galicia coincidiron en acentuar hoxe o éxito que está a ter “Coñece Vigo”, o programa de visitas guiadas con nove rutas que afondan na historia, a cultura, a economía e o patrimonio cultural da cidade. Segundo dixeron, a aceptación desta iniciativa do Goberno galego en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo por parte dos vigueses é tal que o número de solicitudes no programa supera as 8.500.

Ata o de agora, segundo o balance realizado, máis de 2.600 persoas se teñen beneficiado dalgunha das 56 visitas ofrecidas no marco deste programa, sendo o “Coñece o Teu Porto” a de maior demanda.

A programación inclúe así nove rutas, guiadas e de balde, pensadas para os vigueses aínda que abertas a toda a sociedade, especialmente ás asociacións, colectivos sociais e centros educativos. Nomeadamente detectouse un grande interese por parte dos colexiosEspazo solidarioCómpre lembrar que o cerne desta iniciativa son as 24 ONGs e organizacións solidarias participantes coas que o Goberno galego busca fomentar a solidariedade. Un lugar no que vigueses, turistas, peregrinos e empresarios poderán achegarse para aportar o seu grao de area. Un espazo, ideado pola Delegación Territorial de Vigo en colaboración coa sociedade civil e coa implicación de varias consellerías da Xunta e o Porto de Vigo, que busca canalizar a expresión solidaria dos cidadáns, pero que é moito máis, xa que permitirá encher a cidade de Vigo de cultura e tradición.

Deste modo, a iniciativa ten como obxectivo traballar coa sociedade civil, con entidades solidarias, fomentar accións participativas de ambiente familiar e colaborar en positivo coa cidade cun nadal próximo, xeneroso e solidario, con máis dun cento de actividades ao longo de todo o día en horario de 12 da mañá ás 10 da noite, estendéndose á medianoite os sábados e domingos.

Un proxecto co que se procura pór o foco de atención sobre os aspectos máis tradicionais do Nadal, nun espazo pensado para todos os públicos, coas familias como prioridade, cun programa que protagonizan os vigueses de principio a fin.

Nacemento da Catedral de SantiagoUn dos aspectos máis atraentes no interior do Tinglado é a mostra do Belén da Catedral de Santiago de Compostela, que en 60 metros cadrados amosa preto de 500 pezas articuladas. Asemade, hai tamén demostración de oficios tradicionais, concertos de coros infantís, jazz, teatro e danza.

O apartado da animación corresponde á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e Asociacións de Corais Polifónicas, rondallas e agrupacións teatrais da cidade. Están presentes, alumnos da Escola de Arte Dramático, o coro infantil da Fundación Mayeusis, a Coral Casablanca ou os Bolechas, entre outros. Asemade, grupos locais e de jazz encárganse de amenizar no horario ampliado ata as 00.00 horas as noites dos sábados e domingos.Á decoración tradicional do Nadal se suman, no interior do Tinglado, nove casetas de madeira que contan actividades propias nas que participan a Autoridade Portuaria de Vigo, que da a coñecer os seus ambiciosos proxectos medioambientais; a Consellería de Medio Ambiente, coa celebración de talleres infantís que ofrecen desde experimentos de “Ciencia Divertida” ata actividades de reciclaxe e concienciación medioambiental; a Consellería de Mar, con actividades informativas das súas campañas; a Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería do Medio Rural, que poñen o foco de atención nos seus diferentes programas; Anfaco, que fai demostracións de conservas, degustacións e organiza talleres informativos e showcookings; e as 24 ONGs que, en diferentes quendas durante as mañás e as tardes, teñen a oportunidade de trasladar o seu proxecto solidario á cidadanía.

Teñen así representación, APAM, Aspanaex, San Rafael, San Francisco, Igualarte, Down Vigo, Alento, Cáritas, o Comedor da Esperanza, as Misioneras do Silencio, AFAN, Ayuvi, Afaga, Asdegal, Red Madre, a Fundación Balms, Fundega, Discamino, Bicos de Papel, Asanog, Fundación Stop, Vida Digna, a Fundación Magar e a Asociación de Xordos de Vigo.

Así mesmo, a programación conta con xornadas especiais para os colexios, centros sociais de maiores e os nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Por último, a Fundación Celta de Vigo trouxo xogadores do equipo de primeira división e do equipo Integra, formado por deportistas con discapacidade (gañadores este ano da Copa de España), cos que os visitantes puideron compartir momentos e pedirlles autógrafos.

Poboado de Nadal, Reis Magos e carruselXa no exterior do Tinglado, na viguesa Praza da Estrela, hai disposto un poboado de Nadal e unha gran caseta onde o Paxe real recollerá as cartas dos máis pequenos da casa. Un espazo que completan o clásico carrusel e grandes figuras representando aos Reis Magos e ao tradicional moneco de neve. O eixo principal desta decoración é o Camiño de Santiago e os seus símbolos: a vieira ou as mouteiras.

Tamén participan no exterior as asociacións de comerciantes de Vigo, que se aquendan para ofrecer información sobre campañas para as compras do Nadal nos barrios de Vigo; ou a Dirección Xeral de Xuventude, con animación xuvenil e máis de voluntariado para os mozos vigueses.

Hai casetas para garapiñadas e castañeiras tradicionais e un grupo de foodtrucks, entre os que participan: Pescanova, Frutas Nieves, La Joaquina e La Pepita. Todas elas contribuirán a este Nadal Solidario doando parte da recadación ás ONGs.

No solpor das fines de semana hai concertos de grupos vigueses.

Outras actividadesTamén haberá concertos en centros de persoas maiores e un gran concerto de campás que actuará simultaneamente en varias igrexas da cidade dende a Concatedral de Vigo, o 28 de decembro ás 13.00 horas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre