Inicio Galicia A asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo...

A asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo crea un percorrido virtual polo camiño primitivo co apoio do programa da Xunta ?O teu Xacobeo?

0

A Consellería de Cultura e Turismo colabora con esta iniciativa de promoción, información e asesoramento ao peregrino na que as novas tecnoloxías contribúen á posta en valor desta ruta declarada Patrimonio da Humanidade


Lugo, 25 de novembro de 2019.- Un dos principais recursos turísticos e patrimoniais da provincia de Lugo, o Camiño Primitivo, conta desde hoxe cun percorrido virtual que permitirá a través de dispositivos móbiles e fixos, a posta en valor dos puntos máis representativos e con maior valor etnolóxico, paisaxístico e cultural desta ruta declarada en 2015 Patrimonio da Humanidade.

A iniciativa promovida a instancias da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo, e creada polas empresas A3 Proyectos e Sogos Consulting, conta co apoio do programa O teu Xacobeo, que a Xunta de Galicia puxo en marcha para impulsar distintas iniciativas de promoción das rutas xacobeas.

A presentación do novo percorrido en realidade virtual correu a cargo do presidente da asociación lucense de Amigos do Camiño, Ángel Trabada e do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que coincidiron na importancia de impulsar este tipo de iniciativas que ofrecen aos peregrinos novos servizos, información e asesoramento sobre o Camiño Primitivo.

Balseiro, que gabou a iniciativa do colectivo lucense de Amigos do Camiño, cualificou como “un gran acerto” o feito de apostar pola tecnoloxía “para amosar aos futuros visitantes as marabillas que alberga o Camiño Primitivo, ofrecendo información dun xeito interactivo e dinámico”. Dixo tamén que o percorrido virtual “servirá como estímulo” para que novos visitantes “descubran e visiten o Camiño Primitivo, mellorando de forma directa a economía das localidades que forman parte do itinerario.”Pola súa banda, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo, Ángel Trabada subliñou que "a posta en marcha deste tipo de iniciativas veñen a ratificar unha vez máis o noso compromiso coa promoción e a divulgación das rutas xacobeas da provincia, un compromiso que está no ADN da nosa entidade dende a súa fundación en 1987". Nesa liña, afondou en que "é certo que os tempos foron mudando e as demandas de consumo de información tamén, polo que non podemos ser alleos a iso, de xeito que tamén estamos a impulsar a incorporación das novas tecnoloxías á difusión nacional e internacional que levamos a cabo dende a nosa asociación".Ángel Trabada sinalou, así mesmo, que a incorporación do percorrido virtual polo Camiño Primitivo á web da asociación é "unha primeira etapa" dun traballo que a Asociación pretende completar "a medio prazo" co resto de rutas oficiais da provincia.

Por último, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo tamén agradeceu á Xunta de Galicia a súa "vontade decidida de colaboración" co impulso deste tipo de proxectos, "que son un exemplo na medida en que permiten a implicación e a procura de sinerxías entre todos os axentes involucrados na promoción das rutas xacobeas, como son a propia Administración, o tecido asociativo e tamén a empresa privada".

Características do percorrido virtualO percorrido virtual ofrece unha serie de tours ao longo das distintas etapas do Camiño de Santiago Primitivo nos que o usuario poderá acceder a aqueles puntos e espazos clave e representativos da ruta dunha xeito cómodo e totalmente inmersivo. O percorrido virtual está formado por unha concatenación de fotografías panorámicas en 360?- 3D con tecnoloxía de realidade virtual en calidade 4k.

O usuario poderase desprazar ao longo da etapa correspondente e polas ligazóns e vínculos a PDF’s para, dende o mesmo percorrido virtual, acceder a espazos web e páxinas nas que se aporte información complementaria ás imaxes do entorno amosado. Como prestación engadida, cada un dos puntos mostrados mediante as fotografías panorámicas que conforman o tour virtual estarán xeolocalizados, deste xeito o usuario poderá coñecer o emprazamento exacto de dito punto, o que facilitará a súa localización durante a peregrinaxe.

O percorrido virtual será accesible na súa versión en 2D a través de calquera plataforma, tanto a través dun ordenador de sobremesa ou portátil como dun dispositivo tipo Tablet ou dun Smartphone, sen ningún tipo de requisito especial a maiores dunha conexión a internet. Mentres que para desfrutar do mesmo contido de forma infinitamente máis inmersiva unicamente se precisará dun Smartphone e dunhas sinxelas gafas de realidade virtual denominadas cardboard nas que se acoplará o dispositivo móbil co que mergullarse nunha experiencia en realidade virtual 3D que superará todas as expectativas.

O percorrido está accesible no seguinte enlace da web da asociación. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre