Inicio Galicia A AGASP inicia os cursos de mandos de policía local nunhas instalacións...

A AGASP inicia os cursos de mandos de policía local nunhas instalacións adaptadas para retomar a formación con seguridade

0

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o comezo dos cursos selectivos nas categorías de inspectores e oficiais que contan con 33 alumnos de 15 concellos

Un total de 33 alumnos -20 oficiais e 13 inspectores- procedentes de 15 concellos que integran a promoción de mandos de Policía Local máis numerosa da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) comezaron hoxe as clases. O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o traballo realizado para adaptar as instalacións e implantar as medidas de prevención precisas fronte á covid-19 co obxectivo de retomar a actividade lectiva con tódalas garantías sanitarias.

Ao longo de máis de dous meses e 250 horas lectivas, os alumnos destes cursos selectivos de promoción interna recibirán formación en aspectos como habilidades directivas e xestión de equipos, igualdade e violencia de xénero, novas tecnoloxías, seguridade viaria ou menores, ademais de clases prácticas de defensa persoal, tiro e intervención policial. As clases combinarán formación presencial, en liña ou telepresencia.

Así, os aspirantes ás categorías de inspector e oficial coincidirán na Academia cos 134 alumnos da promoción de Policía Local que están a completar o último trimestre da súa formación.

Alfonso Rueda tamén aproveitou a visita para coñecer os novos espazos habilitados para que as distintas promocións que se están a formar no centro poidan estar separados e gardar a distancia mínima de seguridade interpersoal.

Por unha banda, o novo tatami que os alumnos empregan nas súas clases físicas, nas que se toman todas as medidas de seguridade para evitar contaxios, e tamén as novas salas de ocio deseñadas para acoller as promocións de policías locais que coinciden na academia.

A Agasp xa retomara a actividade lectiva o pasado xuño cos alumnos da 12ª promoción do curso selectivo de Policía Local que, debido á crise sanitaria, tiveron que adiantar parte da parte práctica nos seus concellos durante o período de estado de alarma. Á volta as clases produciuse cumprindo todas as medidas hixiénico-sanitarias en canto á protección dos usuarios, dos fluxos de circulación para manter a distancia de seguridade, así como dos aforos de zonas comúns para evitar aglomeracións.

Plan de formación continuaA Agasp convocará os próximos días os cursos do plan de formación continua do segundo semestre destinados a persoal da Policía Local e os profesionais dos corpos e forzas de seguridade do Estado que traballan en Galicia -isto e Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil- e que, debido á covid-19, impartiranse de forma telemática ata nun 85% a través da plataforma de formación en liña.

Ante a crise sanitaria derivada do coronavirus, a Academia adaptou a súa formación continua á modalidade online, o que permitiu poñer en marcha máis de 30 actividades entre os meses de maio e xullo e nas que participaron máis dun milleiro de policías participantes.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre