Inicio Galicia A Agadic e o ICA portugués convocan o IV Encontro de Coprodución...

A Agadic e o ICA portugués convocan o IV Encontro de Coprodución Audiovisual no marco do festival Porto/Post/Doc

0

A Axencia Galega das Industrias Culturais e o Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal abren a inscrición para participar nunha nova edición deste foro bilateral, que terá lugar no Porto o vindeiro 29 de novembro

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) puxeron en marcha a organización por cuarto ano consecutivo do Encontro Profesional de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia coa apertura da convocatoria de participación dirixida a empresas galegas e lusas, que teñen de prazo ata o 15 de novembro para formalizar as súas inscricións.

Este foro, no que tamén colabora o Subprograma MEDIA Portugal-Europa Criativa, desenvolverase por vez primeira no país veciño para reforzar a súa organización bilateral e terá como anfitrión o festival Porto/Post/Doc, que se celebra na cidade do Porto do 24 de novembro ao 2 de decembro. A xornada dedicada ao IV Encontro de Coprodución será o día 29 e incluirá unha mesa redonda sobre as posibilidades de financiamento que ofrecen o fondo europeo EURIMAGE e as axudas MEDIA. Ademais, todos os participantes recibirán unha acreditación do Porto/Post/Doc con acceso ás proxeccións e outras actividades do festival.

Leer más:  El BNG presentará propuestas en el Congreso y el Senado para conocer la postura del Gobierno sobre la instalación de Altri

Seguindo a súa estrutura habitual, este foro desenvolverase arredor de reunións one to one, concertadas pola organización para que os responsables das compañías entren en contacto directo con potenciais socios estratéxicos cara á coprodución de novas propostas para cinema e televisión (ficción, animación, documentais, programas…). O obxectivo é aumentar as posibilidades de financiamento, favorecer o intercambio de profesionais técnicos e artísticos e abrir novas canles de distribución e difusión.

Promovido pola Xunta de Galicia desde o seu nacemento en 2015, o Encontro Profesional de Coprodución Portugal-Galicia celebrou as súas tres edicións anteriores dentro do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) e nelas participaron un total de 80 empresas dos dous países. Nestes momentos, varias das compañías participantes nos pasados encontros traballan na preprodución dos proxectos conxuntos xurdidos ou impulsados a raíz destas xuntanzas. 


- Te recomendamos -