Inicio Galicia A AECT da Eurorrexión organiza unha primeira reunión para avaliar a situación...

A AECT da Eurorrexión organiza unha primeira reunión para avaliar a situación da cooperación ante a reapertura da fronteira con Portugal

0

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, indicou que se está deseñando un Plan de reactivación que permita facer fronte aos efectos producidos por este peche de máis de tres meses da fronteira


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu a unha primeira reunión para avaliar a situación creada polo peche durante tres meses da fronteira de Portugal e deseñar un Plan de reactivación que permita facer fronte a esta circunstancia. Segundo indicou Jesús Gamallo, a reunión centrouse en sentar as bases dun “Plan de Impulso á cooperación de proximidade na fronteira Galicia-Norte de Portugal”, un documento que recolle un abano de propostas cun dobre obxectivo. Por unha banda, que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal consiga facer fronte aos retos derivados da pandemia, nomeadamente aqueles derivados do parón da actividade económica e do peche da fronteira, analizando as posibles fontes de financiamento europeo e estatal para acabar este obxectivo, e, por outra banda, que cheguemos a estar preparados, nun futuro hipotético, ante unha situación similar, e evitemos outro peche de fronteiras, de repercusións sociais e económicas tan negativas.

O borrador do Plan foi enviado a diferentes actores da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal e esta reunión inaugura unha serie de contactos que pretenden estudar conxuntamente as súas consideracións técnicas e integralas no futuro documento. De feito, nesta primeira xuntanza de traballo, celebrada en Tomiño e organizada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión, estiveron presentes representantes da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) do Miño, que engloba un territorio transfronteirizo formado por 26 concellos, 16 do sur de Pontevedra e as 10 cámaras do Norte de Portugal e representantes da Eurocidade Tomiño-Cerveira.

Ademais de Jesús Gamallo, participaron na reunión o director e a subdirectora da AECT da Eurorrexión, Xosé Lago e Graça Fonseca respectivamente, e o director da AECT do Minho, Uxío Benítez, o seu Vicedirector, Fernando Nogueira, que tamén é alcalde de Vila Nova da Cerveira, así como Sandra González, alcaldesa de Tomiño.

As Eurocidades e a cooperación de proximidadeA Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal impulsa a cooperación de proximidade, que é aquela que trata de reforzar aquelas políticas e instrumentos de cooperación que teñen por obxectivo mellorar as condicións e a calidade de vida dos cidadáns das zonas de fronteira. Esta actividade promóvese tamén a través de institucións novas como son as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) e as Eurocidades.

A principal razón de existencia das Eurocidades é a de compartir infraestruturas dos seus servizos co conseguinte aforro de custos. Existen catro Eurocidades na raia xa totalmente integradas na Comunidade de Traballo: son as Eurocidades de Cerveira-Tomiño, Salvaterra-Monção, Tui-Valença e Chaves-Verin. Todas elas, co apoio activo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia- Norte de Portugal (GNP-AECT), atoparon o financiamento adecuado e necesario para desenvolver gran cantidade de actividades de índole económica, cultural e deportiva, que reforzaron e consolidaron a cooperación transfronteiriza.

En xeral todos os actores da Cooperación Transfronteiriza traballan na mellora da capacidade institucional mediante a cooperación conxunta, co obxectivo de fomentar a colaboración e a actividade económica e conseguir mellorar a calidade de vida dos cidadáns do territorio. Neste senso, búscase unha xestión máis eficiente da Administración Pública Local, evitando duplicidades innecesarias, compartindo recursos e solucións a problemas comúns, fomentando un uso compartido dos equipamentos públicos fronteirizos e valorizando as fortalezas e as complementariedades dos pobos e cidades da Eurorrexión.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre