Inicio Galicia 470 alumnas e alumnos melloran as súas competencias en inglés nas estadías...

470 alumnas e alumnos melloran as súas competencias en inglés nas estadías organizadas pola Consellería de Educación en Vigo

0

Un total de 1.590 estudantes participan nestas actividades en centros de Galicia e en residencia no estranxeiro

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, visitaron esta mañá as alumnas e alumnos que están a realizar no Centro Residencial Docente de Vigo as estadías de inmersión lingüística impulsadas polo seu departamento. Ao longo do verán pasarán por este centro un total de 470 estudantes repartidos en tres quendas, dúas primeiras celebras en xullo para alumnado de 1º de ESO e a que agora está a ter lugar, para o de 4º de ESO.

Carmen Pomar animou os estudantes a aproveitar ao máximo esta experiencia, que lles permite convivir con outras compañeiras e compañeiros ao tempo que reciben unha formación intensiva en lingua inglesa. O programa das estadías inclúe tamén actividades lúdicas que facilitan a aprendizaxe do idioma e animan á rapazada a expresarse na lingua estranxeira nun ambiente máis distendido.

A conselleira salientou ademais o éxito da convocatoria, ao abeiro da que 1.590 estudantes están a realizar formación en inglés e francés. As estadías, en quendas de dúas semanas, desenvólvense tanto en Galicia (para alumnado de ESO e Bacharelato nos Centros Residenciais Docentes de Vigo e da Coruña e nos Peares) como en réxime residencial no estranxeiro (para estudantes de Bacharelato en Reino Unido, Francia e Canadá). O programa está subvencionado na súa meirande parte (entre un 50 e un 87% en función da renda) pola Consellería.

Contacto idiomáticoO propósito desta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2020 (Edulingüe), non é só que o alumnado asistente aprenda un idioma estranxeiro, senón que este idioma o poña en práctica durante todo o día ao longo das dúas semanas que duran as estadías nas diversas actividades que se organizan, nas que se inclúen competicións deportivas, xogos, obradoiros, excursións ou veladas nocturnas. Todo isto permitirá darlle unha formación lingüística, social, cultural e ambiental ao alumnado, promovendo unha inclusión total en lingua inglesa no caso dos campamentos que se celebran en Galicia, Reino Unido e Canadá, e en lingua francesa para o alumnado de estadías en Francia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre