Inicio Galicia 362 universitarios acadan os premios de excelencia académica 2017/18 que por primeira...

362 universitarios acadan os premios de excelencia académica 2017/18 que por primeira vez outorga a Consellería de Educación

0

Máis do 60 por cento das persoas premiadas son mulleres


Un total de 362 estudantes universitarios álzanse cos premios de excelencia académica ao alumnado de grao universitario oficial que por primeira vez outorga a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a listaxe das e dos premiados que obtiveron as mellores cualificacións no curso 2017/18 nas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en cada un dos cursos de grao oficial, agás o último, e que continuarán os seus estudos nas universidades galegas.

A meirande parte dos premios (o 64,4%) recaeron en mulleres, polo que estas acaparan máis de 6 de cada dez galardóns fronte ao 35,6% dos homes.

Por universidades, o 42,31% dos premios concedidos foron para a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o 31,04% para a Universidade de Vigo (UVigo) e o 24,65% para a Universidade da Coruña (UDC).

Estes premios son unha nova liña de axudas ao estudo da Consellería de Educación, co obxectivo de motivar o alumnado universitario para mellorar o seu currículo e recoñecer a súa actitude de compromiso co seu proceso formativo e o seu mérito e esforzo no estudo. Trátase, por tanto, de estimular o aproveitamento académico dos estudantes e incentivar a excelencia co fin de seguir avanzando na construción dun Sistema Universitario Galego competitivo e de calidade.

A Consellería de Educación mobiliza un total de 440.000 euros de dotación orzamentaria nesta convocatoria, distribuídos a razón de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción.

RequisitosCómpre lembrar que son as propias universidades as que seleccionan os expedientes académicos das persoas que, superando a totalidade dos créditos correspondentes a un curso académico completo segundo o plan de estudos na primeira convocatoria, obtivesen a maior nota media, sempre superior aos 8 puntos.

Concédeselle un premio por cada titulación oficial de grao e programas de simultaneidade de graos ao alumnado que finalizase os estudos de 1º, 2º e 3º curso. Quedan excluídos os de último ano por poderen optar aos premios fin de carreira que tamén convoca a Consellería. Para o alumnado dos graos oficiais con máis de catro cursos, segundo o plan de estudos de ditas titulacións, esténdese o premio ata o cuarto curso para os graos de 5 anos e ata o quinto curso para os graos de 6 anos.

Esta nova liña de axudas enmárcase, ademais, no Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia para o trienio 2018-2020, que lles permitirá dar un novo salto de calidade ás universidades galegas para seguir avanzando nun camiño de vangarda e excelencia. Ademais, veñen completar os Premios Fin de Carreira, que cada ano lles outorga a Consellería aos mellores expedientes dos egresados nas universidades do SUG.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre