Inicio Galicia 19.000 galegas e galegos verán incrementada a súa prestación de dependencia a...

19.000 galegas e galegos verán incrementada a súa prestación de dependencia a partir da nónima do mes de abril

0

Investiranse 10 millóns de euros para aumentar as contías das axudas entre un 10% e un 75%, en función do grao de dependencia e do tipo de prestación

A conselleira de Política Social, Fabiola García, avanzou esta mañá que 19.000 persoas se beneficiarán dun aumento na súa prestación de dependencia a partir da nómina correspondente ao mes de abril, para o que a Xunta investirá 10 millóns de euros. Fíxoo durante a comparecencia ante o Pleno do Parlamento na que deu a coñecer as liñas xerais de actuación do seu departamento para o que resta de lexislatura, e que teñen por obxecto que as galegas e galegos “teñan as mesmas oportunidades para trazar con liberdade o seu propio proxecto de vida”.

En concreto, precisou que o aumento das contías será dun 10% para aquelas persoas que teñen a súa autonomía limitada e que son coidadas na casa por un familiar, dun 15% na axuda para contratar a un asistente persoal e no caso das achegas para pagar unha praza de residencia estas subirán un 20% para as dependencias de grao I e III, e un 75% para as dependencias de grao II.

Fabiola García enmarcou esta medida na aposta da Xunta por “garantir que todas as galegas e galegos teñan dereito a escoller libremente como facerse maiores”. Nesta liña, subliñou o reforzo de prestacións como o Servizo de Axuda no Fogar, que se multiplicou por dez a súa extensión desde 2009 e hoxe son preto de 23.500 as persoas beneficiarias; do programa Xantar na Casa, que leva o menú diario a máis de 1300 maiores; a posta en marcha das primeiras 30 Casas do Maior, que serán o dobre cando remate a lexislatura; ou a implantación do cohousing como alternativa residencial para persoas con dependencia moderada.

Así mesmo, apuntou como novidade que a partir das vindeiras semanas o proxecto RedMay achegará servizos de oftalmoloxía e podoloxía, apoio persoal e atención ao Alzhéimer a 20 municipios pequenos da comunidade.

Maiores e dependencia: 60.000 dependentes atendidosTamén destacou que en soamente dous anos conseguiuse o obxectivo de lexislatura de chegar aos 60.000 dependentes atendidos, catro veces máis que hai unha década; que hoxe Galicia dispón de máis de 7900 prazas públicas de residencia, un 42% máis que en 2009; e máis de 3.300 en centros de día, o triplo que hai dez anos.

Lembrou que no actual mandato puxéronse en funcionamento varios equipamentos públicos: os centros de día de Curtis, Pobra do Caramiñal, Maceda e Cambados; e os centros de día e residencia de Arteixo, Vilardevós, Paradela e Cesantes, en Redondela. Ademais, engadiu que ao longo dos vindeiros meses a oferta pública de atención aos maiores volverá aumentar con 214 prazas novas, coa entrada en servizo dos centros de día de Cuntis, Miño e o do edificio interxeracional de Ourense (que abrirá as súas portas este 1 de marzo), así como das residencias de Baleira e Foz.

En canto a melloras nos servizos de atención á discapacidade, a conselleira fixo fincapé no feito de que en dez anos incrementáronse un 25% as prazas públicas ata acadar na actualidade as 5.400. Recordou tamén que en 2018 se reforzaron os equipos de valoración, o que permitiu reducir un 30% a lista de espera e resolver máis de 30.000 expedientes. Ao respecto, anunciou que nos vindeiros meses seguirá simplificándose e axilizándose o proceso que teñen que seguir as persoas con dependencia ou discapacidade.

Familia e demografía: Máis facilidades para ser nai ou paiEn materia poboacional, Fabiola García avanzou unha das medidas incluídas na Lei de impulso demográfico de Galicia, que comezará a súa tramitación ao longo das vindeiras semanas: o establecemento dunha renda familiar estandarizada, coa que se determinará dun xeito homoxéneo o nivel económico da renda da unidade familiar. Deste xeito, darase un trato máis equitativo aos diferentes tipos e situacións familiares no acceso ás axudas ou servizos da Administración autonómica.

Nesta liña, destacou o incremento das prestacións económicas e dos recursos de conciliación nos últimos anos na procura de darlle ás familias que deciden ter un fillo todo o apoio que necesitan. De feito, hoxe Galicia multiplica por dous tanto o número de prazas públicas en escolas infantís como a taxa de cobertura en comparación con 2009, ata chegar ás 24.000 e a un alcance do 42%, nove puntos por riba da recomendación da Unión Europea. Ademais, abríronse 61 Casas Niño nos concellos pequenos de ámbito rural, no que levamos de ano xa se outorgaron 400 Bonos Coidado e na actualidade son máis de 40.000 as nenas e nenos galegos que recibiron a Tarxeta Benvida.“Nunca antes na historia da nosa comunidade houbo tantas facilidades coma hoxe para as persoas que deciden ser nais ou pais”, aseverou a conselleira, que tendeu a man para que a futura Lei de impulso demográfico conte co respaldo unánime da Cámara como mostra de que neste asunto cómpre que “rememos todos xuntos para conseguir que Galicia sexa o mellor lugar para nacer”.

Nesta liña, a conselleira indicou que a Xunta seguirá a completar a rede de conciliación mediante a apertura de máis Casas Niño, para acadar as 76 en 2020, e coas novas escolas infantís de Vilagarcía, Redondela-Chapela, As Neves e Paderne de Allariz, así como coa ampliacións das de Cedeira e Arzúa. En total, 320 prazas públicas novas a disposición das familias destes concellos antes de que remate a lexislatura.

Tamén avanzou cambios no Bono Coidado, coa súa ampliación este ano para pagar servizos de ludoteca, e con futuras melloras para que os fogares galegos conten cun auténtico servizo de axuda no fogar orientado á infancia.

Inclusión social: Actualización da Axenda Social ÚnicaNo que atinxe á loita contra a desigualdade, salientou o decreto que desenvolve a Lei de inclusión social, que supón aumentar ata os 550 euros a contía media da Risga, que esta prestación funcione como verdadeira ponte ao mercado laboral e que se garanta o dereito á vivenda. Tamén subliñou o feito de que desde 2009 se incrementou nun 67% o orzamento destinado a políticas activas de inclusión e que o número de familias moi necesitadas reduciuse no último ano nun 40%, ao pasar dun 4,1% ao actual 2,4%.

Para que a incidencia da pobreza siga retrocedendo, Fabiola García manifestou que o Goberno galego seguirá a traballar coas entidades sociais e os concellos para actualizar este ano os obxectivos da Axenda Social Única, que rexistra un grao de cumprimento do 96%. Ademais, anunciou que nas vindeiras semanas presentará o Plan de atención ás persoas sen fogar e a implantación dun certificado que recoñecerá a aquelas empresas que traballan pola inclusión social de persoas en risco de pobreza.

Plan estratéxico e novos programas de acción voluntariaNa área de Xuventude, sinalou que o novo Plan estratéxico para o período 2019-2021 estará listo no primeiro semestre deste ano e que terá como obxectivo satisfacer as necesidades da mocidade e aproveitar o seu potencial e ideas para enriquecer o tecido económico e cultural da comunidade.

Neste sentido, apuntou que un dos eixes deste plan será o fomento do emprendemento, en especial no rural, de tal xeito que a xente nova aproveite as oportunidades que ten o agro galego para o desenvolvemento persoal e que esta achegue os seus coñecementos e formación para facer medrar este sector. Ademais, salientou que a mocidade terá unha participación activa na preparación do Xacobeo 2021 para convertelo no mellor Ano Santo da Historia. “E necesario que a mocidade achegue as súas ideas, o seu impulso e os seus valores para que Galicia volva ofrecer un Ano Santo que sorprenda ao mundo enteiro”, dixoTamén apuntou que se continuará coa aposta polo voluntariado, xa que Galicia é a comunidade máis solidaria de España con máis de 8000 voluntarios activos e a única que acredita a acción destas persoas cun certificado homologado e con validez en toda Europa. A conselleira garantiu que nesta lexislatura se seguirán a poñer en marcha programas de voluntariado encamiñados a dar resposta ás grandes necesidades que ten Galicia. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre