Inicio Galicia A Xunta impulsa o talento feminino nas entidades de economía social cunha...

A Xunta impulsa o talento feminino nas entidades de economía social cunha nova edición do programa Medrando Xuntas

0

O vindeiro 7 de setembro bota a andar de novo esta iniciativa coa que se forma as mulleres para o exercicio da función directiva neste tipo de entidades, ao tempo que se busca difundir o papel que xogan no tecido socioeconómico galego


O vindeiro venres 7 de setembro dará comezo en Santiago de Compostela a segunda edición do espazo formativo para mulleres directivas da economía social, Medrando Xuntas, que organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria. O curso, de 80 horas de duración, combinará clases presenciais con actividades a distancia, para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. As 26 participantes desta edición terán a oportunidade de mellorar as súas habilidades para asumir os retos da dirección e xestión de entidades, así como compartir e coñecer outras mulleres que lideran a economía social en Galicia.

Medrando Xuntas, que o ano pasado acadou excelentes resultados en canto á participación e á valoración da experiencia por parte das alumnas, conta con dous itinerarios, un dirixido a mulleres con responsabilidades de goberno e de xestión e outro cuxas destinatarias son socias e/ou traballadoras en entidades de economía social. Neste segundo caso, ofrécese unha formación específica enfocada a empoderar as mulleres de contornas urbanas e rurais cun curso de 20 horas de duración que terán lugar entre os meses de outubro e novembro de 2018. As actividades presenciais terán lugar neste caso en Lugo, sumándose aos xa realizados o pasado ano na Coruña, Vigo e Ourense. A partir do día 17 de setembro reabrirase o prazo de inscricións para esta actividade ata completar as prazas dispoñibles.

Leer más:  La Xunta publicará la lista provisional de admitidos en las escuelas infantiles a partir de este lunes

Esta segunda edición contará como novidade cun foro participativo coas alumnas de ambas as dúas anualidades. Será un espazo de conversa sobre os retos, desafíos e oportunidades que as mulleres teñen no mundo da economía social e as ferramentas e estratexias que se están a desenvolver para contribuír na construción de modelos de negocio de éxito a través da creación dunha nova economía máis xusta, solidaria e xerativa.

Toda a información relativa a Medrando Xuntas (programas completos, lugares de realización, datas e horarios, etc.) pode consultarse na web de Eusumo ou dirixir as dúbidas ao correo electrónico [email protected] ou aos teléfonos 605 545 606 // 676 531 453. 


- Te recomendamos -