Inicio Galicia A Xunta destaca que a formación é o principal piar para que...

A Xunta destaca que a formación é o principal piar para que o emprego inclusivo sexa unha realidade

0

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou esta mañá a sede de Cogami, en Santiago de Compostela


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, destacou esta mañá, durante unha visita á sede de Cogami, que a formación é o piar fundamental para que o emprego inclusivo sexa unha realidade e destacou a necesidade de que esta se adapte ás necesidades reais das empresas.

Durante o encontro, o director xeral tivo a oportunidade de coñecer o traballo que a entidade desenvolve en materia de orientación e intermediación laboral, eido que se pechou no primeiro semestre do ano cun total de 2652 orientacións realizadas (preto de 15 ao día). Neste sentido, agradeceu o seu labor e destacou o esforzo que a Xunta está a facer destinando en 2018 un total de 6 millóns de euros para a contratación ou mantemento de 244 orientadores laborais en concellos e entidades sen ánimo de lucro. Destes, 27 desenvolverán o seu traballo en Cogami.

Marnotes incidiu en que o emprego é unha ferramenta esencial para avanzar no camiño da inclusión. Así, a Xunta destina este ano un total de 14,6 millóns de euros a programas específicos para o emprego das persoas con discapacidade.

Leer más:  El Parlamento gallego sugiere que se declare el Xacobeo 2027 como un acontecimiento de interés excepcional

En concreto, resérvanse 12,4 millóns de euros para apoiar os centros especiais de emprego e os postos de traballo das 2500 persoas con discapacidade dos 107 centros galegos. Tamén permitirá crear 40 empregos indefinidos e financiar a contratación de 60 traballadores das unidades de apoio.

Por outra parte, o Goberno galego reforza este ano o programa de apoio para a formación e contratación de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social nas empresas galegas destinando en global un millón de euros coa estimación de financiar a contratación de 350 persoas e 50 preparadores laborais. A iniciativa inclúe dúas liñas de actuación: axudas para o emprego con apoio e para a formación e contratación a tempo parcial, dando resposta a unha demanda deste colectivo.

Para o programa de emprego con apoio invístense 500.000 euros, case o triplo que na pasada convocatoria, para a contratación de 50 preparadores laborais nas compañías para prestar un acompañamento individualizado a 200 persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social que traballen nas firmas en condicións similares ao resto dos traballadores que desempeñan postos de iguais características. O prazo de solicitude para o programa de emprego con apoio remata o próximo 10 de setembro.

Leer más:  La Xunta afirma que su nueva estructura "muestra" su "compromiso incondicional y cada vez más sólido" con la igualdad

Doutra banda, o programa de incentivos á contratación a tempo parcial, co que se estima beneficiar a 150 persoas, inclúe tamén novidades. Aos incentivos á contratación únese un bono de formación opcional para as compañías de 1000 euros por cada persoa contratada.

Con respecto ao bono para a contratación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia con 2000 euros cada contrato sempre e cando a duración mínima sexa de 6 meses. Esta cantidade aumentará un 25% se a persoa contratada é muller, maior de 45 anos ou emigrante retornado e no caso de que o centro de traballo estea emprazado no rural. Polo tanto, a axuda poderá alcanzar os 4000 euros.

Esta iniciativa, que se pode solicitar ata o próximo 15 de outubro, complementa ao programa da Xunta destinado á contratación a tempo completo das persoas con discapacidade nas empresas galegas que conta cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros.

A Xunta con estas actuacións consolida a súa aposta polo emprego inclusivo no que traballa cun reto principal: mellorar as condicións de empregabilidade dos galegos e galegas, dando resposta ás persoas que teñen máis dificultades para atopar un emprego.

Leer más:  UPA lleva fresas "sanas, seguras y sostenibles" a la Praza do Obradoiro para reivindicar el producto

- Te recomendamos -